MANIFESTO

POR UNHA POLÍTICA PARA O CAMBIO”

Co convencemento de que unha gran parte da cidadanía española, da que formamos parte, segue considerando absolutamente necesario e urxente un cambio político que sitúe en primeiro termo da acción de goberno a garantía de dereitos e liberdades, así como os principios de xustiza social e democracia, poñemos en marcha Actúa, un espazo de reflexión, debate cívico e intervención política con vocación de servir de punto de encontro para as diversas forzas progresistas e de esquerdas e o obxectivo de promover e facilitar futuras alianzas electorais e propostas unitarias que permitan os cambios radicais que esixen as excepcionais circunstancias que vivimos.

Confiabamos en que as forzas progresistas coñecidas e as de máis recente aparición evitarían a continuidade do PP no goberno. Por razóns que obedeceron a intereses partidistas, isto non foi así. E a realidade é que o maior cambio electoral acaecido en España desde o inicio da Transición deixou de lado a urxente e necesaria rexeneración do Estado e da nosa democracia.

Rexeitamos a política económica do Partido Popular, que produce precariedade enerxética, laboral, desafiuzamentos e desamparo para decenas de miles de persoas. Rexeitamos esta política de recortes e austeridade, orquestrada desde Bruxelas, que en moi poucos anos provocou a deterioración da educación, a sanidade, as pensións, a cobertura de desemprego, as axudas á dependencia e o acceso á cultura, así como o éxodo de miles de mozos e a pobreza de amplos sectores da poboación, con especial incidencia nas mulleres.

Estamos a asistir á destrución dos avances sociais conseguidos durante décadas co esforzo e a loita das clases traballadoras. Por iso consideramos necesario establecer unhas políticas enerxéticas, industriais, de investimento e desenvolvemento tecnolóxico que superen o modelo económico baseado exclusivamente no curto prazo e a estrita obediencia ás pautas neoliberais, a través dun novo enfoque da política económica e financeira.

Consideramos moi preocupante o enfraquecemento das institucións pola inxerencia do Goberno en ámbitos onde debe rexer a independencia profesional, especialmente en todo o que atinxe á Xustiza. Hai que velar pola igualdade de todos ante a lei e poñer en marcha unha loita eficaz contra a corrupción.

Conscientes da diversidade e a pluralidade nacional do noso Estado, cremos que é desde a política e non desde a xudicatura desde onde deben abordarse estes conflitos, como é o caso do independentismo catalán, que debe afrontarse e resolverse nun ambiente de diálogo e negociación moi diferente ao que tivo lugar nos últimos anos.

Queremos unha España na que, rapidamente, leve a cabo o esclarecemento da Memoria Histórica e que inclúa Verdade, Xustiza e Reparación.

No panorama internacional, o triunfo en Estados Unidos dun personaxe abertamente xenófobo e belicista como Donald Trump e o ascenso de partidos de extrema dereita en varios países europeos son expoñentes dun alarmante proceso de radicalización racista que se alimenta da precariedade e a deterioración económica, mentres se busca como chibo expiatorio aos máis débiles, sexan emigrantes ou refuxiados.

A soñada Europa unida política, social e culturalmente reduciuse a intereses puramente mercantilistas e monetarios. Debilítase non só por abandonos como o Brexit, tamén polo deterioro moral expresado no retroceso en materia de Dereitos Humanos, control ambiental, equilibrio planetario e desenvolvemento humano.

Por todo iso pensamos que é urxente actuar pola rexeneración política, económica e social no estado español e por recuperar a idea dunha Europa Unida ao redor dos valores de solidariedade, liberdade e igualdade. Pensamos que somos moitas as persoas que sabemos que o cambio é posible se está alumado pola sensatez, a vontade de colaboración e o realismo.

Cremos que é prioritario desprazar do goberno a quen, sometidos ás directrices neoliberais, debilitaron gravemente nos últimos anos os alicerces esenciais da educación, a sanidade, a ciencia, a xustiza e a calidade do medio ambiente.

Por todo o anterior, convidamos a todas as persoas e organizacións políticas, sindicais, de dereitos humanos, feministas, ecoloxistas, colectivos LGTBI…, que están a loitar en defensa dos mesmos principios de gobernabilidade, a que se manifesten en favor deste chamamento e se incorporen á mobilización que iniciamos.

Asinantes iniciais

Baltasar Garzón, xurista. Cristina Almeida, avogada. Gaspar Llamazares, médico e deputado. Teresa Aranguren, xornalista e escritora. Federico Maior Zaragoza, ex director xeral da Unesco. Montserrat Muñoz, avogada, ex deputada e ex alcaldesa de San Fernando de Henares. José A. Martín Pallín, xurista e ex maxistrado do Tribunal Supremo. Almudena Grandes, escritora. Antonio Gutiérrez, ex secretario xeral de CC. OO. Lina Gálvez, catedrática Economía Universidade de Sevilla. Carmen Rivas, directora Observatorio Medios de Comunicación e Sociedade da Fundación 1 de Maio. Luís García Montero, poeta e catedrático de Literatura. Jaime Ruiz Reig, presidente de AMESDE (Asociación da Memoria Social e Democrática). Mercé Civit, traballadora social e ex deputada da Generalitat de Catalunya. Carlos Berzosa, catedrático de Economía Aplicada da UCM. Daniel Olmos, documentalista, ex Secretario Xeral do Sindicato de Comunicación de CCOO de Madrid. Carmen Vidal, sindicalista CC. OO. Rafael Fraguas, xornalista e escritor. José Manuel Fernández, enxeñeiro e ex alcalde de Bustarviejo. Javier Madrazo, profesor de Filosofía e político. María Garzón Molina, publicista. Carlos do Río, presidente de Ferrol en Común. Esperanza Martínez Calvo, administrativa e concelleira. José Luis Arceo, catedrático de Comunicación Institucional e Política da UCM. Araceli Adalid, politóloga. Antoni Cisteró, enxeñeiro químico e escritor. Miguel Muñoz, historiador. Anxo López Díaz, médico. Eladio Medel Iglesias, avogado. Rosa Mira Pallás, médico. Anxo Vivente Core, enxeñeiro aeronáutico. Carmen Esbrí, activista social. Raquel Fernández Rodrigo, xornalista especializada en comunicación política. Marcos Sanz Salgas, enxeñeiro técnico e ex concelleiro de Rivas Vaciamadrid. Mónica Pantín, autónoma. José Antonio Ruiz Gamborena, enxeñeiro aeronáutico. Miranda Juhasz, arquitecta. Manuel Romero, técnico en Informática e Redes.