“Soy de derechas porque la derecha crea riqueza”: Así xustificaba récenteme o fillo dun empresario español, con todos os tópicos de afeccionado as touradas o Real Madrid e demais folclores, a súa ideoloxía nun coñecido programa de encontros en Cuatro Televisión, a unha posible parella que, indignada, lle espetou un: “¿La derecha qué ha hecho además de robar? ¿Crea riqueza? Riqueza para los ricos, porque a los pobres los tiene muertos de hambre.”

O noso veciño Portugal pechou 2016 cun déficit orzamentario de 3.807 millóns de euros, equivalente a un 2,1% do PIB, o seu menor nivel desde o ano 1974 e por baixo do obxectivo do 2,5% acordado con Bruxelas, segundo o primeiro dato preliminar proporcionado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) de Portugal. O dato de 2016 é 2,3 puntos porcentuais menor ao rexistrado o ano anterior e supón a primeira vez que o déficit luso sitúase por baixo do obxectivo do 3% fixado no Pacto de Estabilidade da Unión Europea. Para 2017, prevese un desequilibrio orzamentario do 1,6% do PIB.

Un acordo de goberno a tres partes do Partido Comunista de Portugal, o Bloco de Esquerda e o Partido Socialista portugués presididos por Antonio Costa conseguiu substituír ao conservador Pedro Passos Coelho grazas a un acordo que está a dobregar á Troika e as súas esixencias das pasadas dúas lexislaturas.

Os recortes salariais, devolveron as 35 horas semanais á xornada laboral dos funcionarios, creouse un imposto de patrimonio para vivendas de luxo de máis de 500.000 euros e suspendéronse os concertos do Estado con colexios privados en zonas onde existía un centro público, ademais de instaurar a gratuidade dos libros de texto nos primeiros cursos da educación básica.

A maioría destas medidas e outras que están en cernes non figuraban inicialmente no programa electoral dos socialistas, senón que foron arrincadas a Costa grazas ao cordo cos comunistas e o Bloco.

A este fillo de empresario “español y mucho español” apenas lle faltou concluír, aínda que seguro que o pensou e o pensa, que a esquerda xera inestabilidade, gasto inútil e desconfianza nos mercados, ó mais estilo cuñadista herdado do nacional-catolicismo dos filmes en branco e negro de Berlanga. Pois ben… o país da Eurocopa, do seu madridista Cristiano Ronaldo ou dos abusivos 758 puntos con que gañou o derradeiro festival de Eurovisión síguenos a dar datos recentes do contrario:

O 18 de Xaneiro deste mesmo ano 2017 o Tesouro portugués colocou 1.750 millóns de euros en obrigacións a seis meses e un ano, unha cantidade que superou as súas previsións e que en ambos os casos adxudicouse con intereses negativos. Segundo os datos divulgados pola Axencia de Xestión da Tesourería e da Débeda Pública (IGCP), os títulos a un ano, cos que se colocaron 1.400 millóns, adxudicáronse a un interese de -0,047 % e contaron cunha demanda que foi 1,6 veces superior á oferta. Na mesma poxa, a primeira deste ano no territorio luso, colocáronse 350 millóns de euros en obrigacións a seis meses, cun interese do -0,091 % e unha demanda que superou 3,5 veces a oferta. No caso das obrigacións a seis meses, a última poxa celebrouse tamén en novembro e naquela ocasión tivo un interese do -0,027 %.

A presión dos mercados sobre a débeda portuguesa é un indicador da confianza que xera o país, que progresou significativamente despois da recesión que viviu entre 2011 e 2013, coincidindo coa aplicación do programa de “asistencia financeira internacional”, da Troika.

Por se fora pouco onte, nunha mensaxe optimista a Comisión Europea propuxo pechar os procedementos por déficit excesivo a Croacia e Portugal, xa que ambos reduciron o buraco das súas contas públicas por baixo do 3% do PIB, límite fixado polas normas europeas.

“É un belo recoñecemento dos logros de croatas e portugueses para saír da crise, que tivo un impacto social forte”, dixo o comisario de Asuntos Económicos, Pierre Moscovici. Se o Consello acepta esta recomendación, só Francia, España, Grecia e o Reino Unido manterán aberto o proceso de déficit excesivo, fronte aos vinte e catro países que en 2011 atopábanse nesa situación.

A inestabilidade, señor “fillo dun empresario español y mucho español” saiba vostede que é xerada pola mala xestión non pola ideoloxía, e a riqueza é un concepto que, como dicía o filósofo René Descartes sobre a razón, e esta muller que tivo un encontro sentimental con vostede sobre como reparte a dereita, debería ser o ben mellor repartido entre as cidadás e os cidadáns e isto último si que é ideoloxía, a ideoloxía do ben común e non a duns poucos.

 

Xabier Garaloces

Coordinador de relacións institucionais de Xuntos Actúa

A %d blogueros les gusta esto: