A Política da Conspiración

Creo que o título deste artigo de pensamento político é o axeitado para definir a crise cada vez máis profunda na que se atopa inmerso o partido instrumental “En Marea”. Este conglomerado de ideoloxías esquerdistas, moitas delas en forma e fondo antitéticas, foi parido dun xeito amorfo debido a que nun principio foi concibido máis como unha coalición de tres partidos (PODEMOS, ANOVA e EU) no famoso encontro ou pacto de Mazarelos, onde as cabezas visibles eran os tres alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol e por parte dos partidos Antón Gómez Reino – Toné (quen exercía de home forte en PODEMOS relegando nun segundo plano a Breogán Riobóo), Beiras e Iolanda Díaz. Centralistas Democráticos, Nacionalistas e Federalistas xogaron a conformar un partido que no seu momento (Novembro e Decembro do 2016) vivían basicamente do refluxo das municipais na Provincia de A Coruña nas municipais do 2015, do desastre dos recortes en temas sociais e de corrupción sen precedentes por parte do PP, cunha crise interna gravísima dentro do PSOE, unha irrelevancia política en Galiza de Ciudadanos e un derrubamento sen fondo do BNG. A xente que apoiou esta alternativa (En Marea ou AGE-2) nas xerais de Decembro foi moi numerosa ultrapasa os 400.000 votantes e causando un clima de euforia na propia formación. Naquel entón, contra o resultado acadado, avisei de que En Marea era un xigante con pés de barro. Nas vindeiras eleccións, trala repetición das xerais o 26X a perda de 60.000 votos (344.000) avisaba de que algo comezaba a fallar e que a ruta deseñada non era a correcta. Isto se materializou nas eleccións autonómicas de outubro do 2016, onde o retroceso nos apoios dos votantes fíxose evidente cunha nova sangría de 70.000 votos, é dicir, dende Decembro ata Outubro, a perda de apoios supuxo preto dos 130,000 votos, algo inaudito nunha nova formación no Estado. Agora paso a desmiuza-las causas deste retroceso:

1º- Falla de liderazgo: Non teño dúbidas de que o líder natural naqueles intres era Xosé Manuel Beiras, pero foi torpedeado tanto interna como publicamente por EU e unha boa parte de PODEMOS. Na súa contra elixiron a un líder descoñecido e sen carisma político, Luís Villares, un líder que semellaba manexable e que permitía o non solapamento dos tres alcaldes e de Iolanda Díaz e Tone. Un perfil baixo e sen peso nas organizacións máis poderosas que preferiron “a falsa coralidade” có fin da decapitación de Beiras antes de perder as súas cotas de poder interno.

2º- Carmen Santos: Anteriormente á súa marcha de PODEMOS foi a responsable de que PODEMOS en Vigo nas municipais permanecese inactiva o que propiciou multitude de Mareas e un resultado inmellorable para Abel Caballero ante a confusión xerada polas taifas da esquerda ruturista. Logo marchou do Consello Cidadán Autonómico de PODEMOS GALIZA e regresou cunha promesa de incluí-las siglas de PODEMOS cara as autonómicas. A súa presenza como Secretaria Xeral de PODEMOS xerou unha profunda inestabilidade no partido instrumental e na súa propia formación. Primeiro presentou publicamente a Barahona como candidata por PODEMOS á Xunta (un despropósito) e logo tragou con Villares e foi incapaz de manter a súa promesa de introducir a marca na papeleta de votación. Soamente hai que acudir á hemeroteca para seguir a súa política errática, ata o punto de transgredi-las cotas provinciais introducindo a Magdalena Barahona pola provincia de A Coruña. Por suposto, ela encabezou Vigo.

3º- A división interna en EU, ANOVA e PODEMOS: A ninguén que siga un pouco o día a día destas formacións se lle escapa que nos momentos cruciais onde se xoga o Goberno dun Estado ou unha Comunidade Autónoma, un dos asuntos prioritarios é a unidade de acción e defensa programática do partido, apartando as posibles diferenzas internas ou cas outras forzas irmás. Isto non se acadou, ó revés, no período que vai dende Decembro ata Outubro foi cando máis se visibilizaron as diferenzas e liortas internas que a día de hoxe seguen xa non enquistadas senón afondando ata un punto sen retorno. PODEMOS atópase dividido á metade, ANOVA ten unha crise Norte-Sur e en EU existe unha liorta pola supervivencia do seu espazo independente. A todo isto hai que sumar os personalismos de xente destas formacións que intentan unha sorte de control piramidal do partido instrumental e que están a xogar a colocarse nos primeiros postos da grella de saída cara a vindeiros comicios, con ese afán de poder non dubidan en apartar a calquera persoa que dalgún xeito lles poida facer sombra en asembleas abertas.

4º- A división antes descrita se traslada inevitablemente ó propio grupo parlamentario e con máis saña á Coordinadora de En Marea. O capítulo de Paula Quinteiro non é máis que un novo episodio nesta novela de conspiracións e intrigas, deste xeito a posibilidade dunha ruptura definitiva do espazo En Marea e a crónica dunha morte anunciada.

5º- A falla dun aparato comunicativo forte e eficaz: Na era das novas tecnoloxías onde gran parte do electorado de esquerdas é prolífico nas redes sociais, a dispersión do discurso das políticas parlamentarias debido ó solapamento entre os aparatos comunicativos das diferentes forzas que se atopan incrustadas en En Marea non axuda a que a xente do común teña unha idea o suficientemente clara de cales son as propostas para os temas que lles competen diariamente, é máis, semella que estes aparatos comunicativos compiten entre eles para unha maior visibilización de cada unha das partes propiciando ademais que se fale máis nos medios de comunicación tradicionais dos problemas internos que das solucións externas. Non é raro que en páxinas das redes sociais se fomente máis a división que a unidade. Disto non se pode culpar ós militantes ou inscrit@s senón ás cúpulas que non saben xestionar a comunicación e que non axudan a encaixa-la pluralidade.

6º- O desgaste político dos Gobernos de A Coruña, Compostela e sobre todo, Ferrol: A imposibilidade de levar a cabo os programas de Goberno do 2015, sobre todo no que respecta á vivenda, servizos sociais, emprego e urbanismo, así como as promesas de remunicipalizacións ou a pouca atención ós barrios que son caladeiros de votos da esquerda, pasarán factura nas vindeiras municipais, así como a indefinición ou posible fractura dun único espazo. Indefinición porque non está claro como ou si En Marea participará como tal nas municipais, si PODEMOS acudirá en moitos pobos ou cidades soo ou acompañado e fracturado porque existe unha parte importante da esquerda que xa está a tomar posicións nas cidades ó marxe de Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común. Ferrol e as Comarcas de Ortegal, Ferrolterra i Eume merecen un capítulo especial posto que logo de que o PP que ata o 2015 ostentaba a alcaldía na ampla maioría dos concellos desta comarca tan só foi capaz en 2015 de manter 2 alcaldías, acadando a esquerda un hito histórico nembargantes, tres comarcas que suman case 350.000 habitantes, a esquerda é a primeira vez na historia da democracia que non ten representación no Parlamento Galego. Isto non é unha casualidade senón algo calculado por algunhas persoas de En Marea que non queren que existan referentes nas comarcas que non sexan eles ou elas. Si EU, PODEMOS e ANOVA non dan un xiro de 180º estou seguro que perderán a gran maioría dos Concellos destas comarcas nas que gobernan en coalición ou ben sós ou en coalición có PSOE e BNG. O desgaste e a fragmentación pasaralles factura.

7º- O Rural: A estratexia de En Marea está a ser incapaz de introducirse e manterse como alternativa á dereita nas zonas rurais. Isto ten moito que ver cá visión urbanista desta formación que non sabe como espaciarse no mundo rural. O exceso de dogmatismo ideolóxico non cadra co modus vivendi do rural na Galiza. Para introducirse nestas zonas tan amplas no noso País é necesario un grupo de estudo, análise e acción nestas áreas que sexa máis pragmática que ideolóxica e que a veciñanza se vexa representada por xente que lles fale na mesma lingua, que comparta as mesmas inquedanzas.

8ª.- Catalunya: O chamado ” problema catalán ” está a pasar factura a En Marea pola falla dun criterio común en canto as posturas sobre o Process. Non se pode caer na trampa urdida pola dereita que xoga sempre ca base da ruptura do Estado cando non ten argumentos para os problemas económicos e sociais do Estado sumado cós escándalos de corrupción. Para iso a xente debe ter cercanía, axentes da esquerda de fiabilidade nos barrios e pobos que sexan capaces de transmitir e facerse eco do seus problemas. Cando se atende como é debido á xente día a día é cando se é capaz de centra-las inquedanzas de xeito racional e non emotivo, a xente vota a quen lles resolve os problemas, a quen está con ela atendendoa sen pausa e axudando a organiza-la para que se lles escoite nas súas demandas.

Para rematar, quero deixar claro que a política actual de En Marea queda moi aloxada da xente, moi centrada no seu embigo ou embigos, onde a conspiración é o pan de cada día, contraria ó que debe ser a ética esquerdista, formando un gran círculo de permanentes conspiracións de irmáns contra irmáns.

 

Xesús Carlos del Río
Coordinador Xeral de Xuntos Actúa

A %d blogueros les gusta esto: