As vulneracións do Xuíz Pablo Llarena na interpretación da Constitución española e e a lexislación, o porque o Xuíz comete un acto de prevaricación:

Estas últimas semanas avogados cataláns suman forzas para coordinar e presentar unha querela colectiva contra o xuíz instrutor da sala segunda do Tribunal Supremo, Pablo Llarena á petición de Jordi Sànchez de poder saír do cárcere para asistir ó pleno da súa investidura. Referentes do ámbito xurídico, como o catedrático, de Dereito Constitucional, Javier Pérez Royo, alertaban de que calquera cidadán catalán estaba no dereito de presentar esa querela por vulneración do dereito de sufraxio activo, e incluso tamén o propio Jordi Sànchez. Decenas de miles de cidadáns están agora mesmo coordinados nas redes sociais para presentar esa querela colectiva, pero canto de razón e fundamentos xurídicos manexan para avanzar nesta iniciativa?:

O artigo 152 da Constitución española establece, que no caso dun parlamento autonómico, non así no caso do “Congreso de los Diputados”, que podería ser calquera cidadán do estado español electo ou non, o candidato proposto a Presidente, ten que ser un deputado electo e que non teña sido privado do exercicio de sufraxio mediante “Sentencia Xudicial Firme”.

O acto de investidura a presidente dunha comunidade autónoma está regulado no Estatut de Cataluña e na Constitución española. A Constitución e o Estatut establecen tamén que a máxima autoridade do Estado nun proceso de investidura é o Presidente do Parlamento correspondente, neste caso o señor Roger Torrent, e polo tanto a proposta dun President do Parlament ten que ser cumprida. Nin que dicir ten que a situación xurídica do señor Jordi Sànchez i Picanyol non cambia por este acto, e se o xuíz Instrutor da sala segunda do Tribunal Supremo establece que este ten que volver ó cárcere, tería, evidentemente, que volver.

Polo tanto, Jordi Sánchez é un candidato proposto polo President do Parlament, despois de ter seguido todo o procedemento establecido no Estatut de Autonomía.

O Xuíz Pablo Llarena comete un acto de prevaricación cando prohibe no seu “auto” a presencia de Jordi Sánchez no acto de investidura no Parlament. O President propón un candidato e este ten que acudir ó Parlament por dereito propio.

De cara a esta investidura, se non son empregadas a Constitución e o Estatut de Autonomía e se empregan, no seu lugar, o Código Penal e a “Ley de Enjuiciamiento Criminal”, que son normas infra-constitucionais e, polo tanto subordinadas á Constitución española, se está cometendo un acto de prevaricación, e unha subversión de todo o ordenamento xurídico.

Este acto é denunciable por calquera cidadán por vulnerar o dereito de sufraxio activo de calquera cidadán de Cataluña ó ter sido vulnerado un dereito universal. Igualmente o Sr. Sànchez, imputado ou non, ten o dereito a denunciar o mesmo acto, por vulnerar o dereito de sufraxio pasivo do propio Sr. Sànchez.

Este acto de prevaricación, ademais constitúe unha quebra de libro do ordenamento xurídico moi grave e dunha importancia extraordinaria.

Abofé que teño por seguro que a non separación real de poderes no Estado abre a posibilidade de que esta querela non teña percorrido no territorio español pero, sen embargo é un trámite necesario para poder chegar á xustiza europea, cando esgotadas todas as vías de recurso, Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, achegaríase o camiño para presentar esta querela perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

O Estado Español, mediante o control da Fiscalía e dunha parte do poder xudicial está xogando a súa credibilidade como sistema democrático e garantista. Serán, outra vez, os largos tempos xurídicos os que darán e quitarán razóns neste conflito que algúns pretenden resolver exclusivamente pola vía xudicial, a humillación dun pobo e a represión desde o totalitarismo mais afastado do ordenamento xurídico.

 

Xabier Garaloces

Responsable de Relacións Institucionais de Xuntos Actúa

A %d blogueros les gusta esto: