Ferrol, a loita obreira e Moncho Reboiras

Ferrol é unha cidade de contrastes, berce de Pablo Iglesias, fundador do PSOE e ó mesmo tempo a cidade natal do ditador Franco. Do mesmo xeito, nos seus tempos máis florecentes, o importante obrerismo cuxo centro neurálxico se atopaba na construción naval, punteira e puntal no Estado Español chocaba ca cúpula de nomes rimbombantes da Mariña de Guerra, almirantes e vicealmirantes máis franquistas que o propio Franco.

Unha das esquerdas máis reivindicativas e loitadoras con base de clase traballadora se enfrontaba en poucos centos de metros ca centuria máis acérrima do nacional-catolicismo. En 1972 prodúcese unha folga que marcará para sempre o devir desta urbe, folga que se saldou con dous mortos, Amador e Daniel, e máis de 20 feridos, vítimas todos eles da represión policial franquista.

Tres anos máis tarde, o 12 de agosto do 1975, sería vilmente asasinado Moncho Reboiras polas mesmas forzas represivas fascistas pola súa condición de nacionalista de esquerdas (UPG). Asasinatos impunes dun Estado noxento. Aludo a estes asasinatos porque son o xermolo dun trauma que xestará unha gran actividade sindical nos anos 70, 80 e 90, década esta última onde verá a luz a C.I.G. que se converterá na primeira forza da cidade trala perda de liderazgos e actividade das outras forzas, U.G,T. e CC.OO. máis proclives a acordos de despachos e posibilistas cás políticas de Felipe González, abandonando a acción directa pola que avogaba a C.I.G. e que conectaba mellor coa clase traballadora logo da famosa “Reconversión Naval” e o veto da construción de barcos de carácter civil, o que supuxo a perda de miles de postos de traballo e o declive económico da cidade departamental.

Dende que teño uso de razón, os gobernos da esquerda e da dereita se ían alternando cada catro anos, sen posibilidade de repetición. Esta curiosa alternancia é debida, na miña opinión, a que ningún goberno local conseguiu petar na mesa ou tivo a suficiente valentía para parar a grave hemorraxia económica que lastra a cidade.O famoso Plan Ferrol demostrou ser un desastre e a porcentaxe de paro se instalou nunha cifra que invariablemente do goberno local de quenda non baixa do 20%, así mesmo a poboación comezou unha caída en picado, chegando a perder case 20.000 habitantes en tres décadas cun inquietante envellecemento da poboación. Ferrol foi pouco a pouco entrando no túnel do histerismo social e a propia esquerda foise dividindo ata acadar loitas fratricidas. Como se di que en Arxentina cada habitante é un adestrador de fútbol, en Ferrol cada cidadá é un político.

No 2015 tivemos unha oportunidade de ouro para transformar a cidade mediante unha fronte unida de esquerdas pero os personalismos, as siglas, os enconamentos endogámicos, as diferentes faccións obstaculizaron a posibilidade de avance da transformación positiva de Ferrol. Que ninguén lle bote a culpa a o outro, a culpa da actual parálise de Ferrol é de tod@s nós, aqueles que na teoría nos chamamos esquerdistas e que na práctica somos uns incompetentes, uns egoístas que soamente nos miramos os nosos propios embigos deixando que a cidade esmoreza mentres seguimos a debater se galgos ou podencos. O futuro non pinta nada ben, é unha mágoa.

Xesús Carlos del Río
Coordinador Xeral de Actúa Galicia

A %d blogueros les gusta esto: