Ilexítima inversión

Pasaron 220 anos desde que o conde de Guzmán, naquel momento Inspector Xeral de Camiños, analizara nun interesante libro dictado polo “zelo e escrito con máis présa da que esixía a súa natureza […] a urxente necesidade e o grande interese en abrir a estrada reclamada durante muitos anos pola maior parte dos habitantes de Galicia”. Realizaba un alegato sobre a necesidade de comunicar co mar as 3/4 partes do país, concretamente aquelas que o autor consideraba “máis pingües e interesantes” e mellorar as condicións dos viaxeiros a un custo limitado, ademais de facer unha comparativa entre a contribución anual dos galegos e a “ilexítima inversión” feita con estes caudais lonxe das nosas terras, o que provocara reiteradas protestas desde este “Reino para que se empreguen nas obras […] que lle son tan esencialmente necesarias, como que pola súa falla, atópase a súa numerosa poboación e clase máis preciosa dos seus habitantes no maior desacougo e atraso máis lastimeiro”.

Velaquí, logo, como xa entre 1786 e 1795 a Superintendencia de Correos e Camiños acordaba abrir unha estrada que, arrincando de Benavente, pasara por Sanabria e Monterrei, a Ourense, Santiago, Vigo e Tui; voltando a atopar orde para reabrir este “Camiño xeral de Benavente a Vigo, con ramais a Santiago e Tui” no 1803. Na realidade, a obra comezou e desenvolveuse de vagar até a súa paralización completa no ano 1833 e aínda no 1850, á penas 4 anos despois da silenciada revolta, imos atopar outra publicación que fala da necesidade de construcción daquela vía que xa acumulaba máis dun século de atraso (Memoria sobre la necesidad de construír las carreteras provinciales de Santiago á Orense y de Santiago a Lugo en el antiguo reino de Galicia. 1850).

Ten a súa importancia suliñar que Galicia, xunto a Valencia e ás Andalucías continuaba a ser un dos territorios máis poboados da península no primeiro tercio do século XIX , conforme Laborde e Cabrerizo (Alexandre de Laborde- Mariano de Cabrerizo. Itinerario descriptivo de las Provincias de España. 1826), poboación que se correspondía co expresado nos escasos censos elaborados con anterioridade.

O camiño de ferro, as autoestradas, as comunicacións dos portos galegos, o AVE… Case todo chegou (o que chegou) a Galiza con 30, 50 ou 100 anos de demora a respecto doutros puntos do Estado, sen importar a poboación nin os tributos territoriais. Estes feitos talvez axuden a entender mellor o despoboamento e as emigracións masivas dos últimos 200 anos, amais de non entender que raio nos botan na auga para acadar tal nivel de sumisión e autoodio.

Non é banal lembrar estes datos se temos en conta que a poboación do que hogano conforma a provincia de Ourense á penas mudou desde o século XVIII; feito ben curioso se consideramos que é un dos territorios con máis recursos da península, acadando relevancia internacional no sector da castaña, da pizarra ou das surxencias termais, alén da grande importancia do románico, do téxtil ou do viño. Se con todo isto, en 300 anos non fomos quen de incrementar o número de habitantes – ao contrario do que ocorreu no resto do Estado- nin siquer de garantir un nivel de vida aceptábel dos mesmos, algo fixemos mal. A resposta semella demasiado obvia: ou Ourense estivo [e está] mal xestionada ou simplemente foi [e está sendo] saqueada.

E así chegamos á situación actual, renegando da nosa língua e de nós mesmos, destruíndo o que debera ser a base da nosa economía e identidade ou choromicando diante dos caciques modernos unha esmola en forma de postiño de traballo que nos permita “terracear” nas prazas e quintairos do país. Polo menos até que alguén queira governar e poñer en valor os nosos recursos e a nosa identidade.

* Imaxes cortesía da Biblioteca Nacional de España

 

 

Lois Pardo

 

 

 

A %d blogueros les gusta esto: